CRTVG

Buscar

Burela, Fene, Neda, Oleiros, Oroso e Lalín saen do confinamento perimetral

Publicado o 05/12/2020 20:59

A mellora dos datos epidemiolóxicos permitiulle a Oleiros volver ao nivel básico de restricións. O concello xa non está pechado."Está pechado? Xa non se pode saír de Oleiros?", pregunta un veciño. "Non, agora está aberto", explicámoslle."É bastante confuso todo, a verdade", admite unha moza.
O caso é que Oleiros tiña un peche perimetral conxunto con Cambre, Culleredo, Arteixo e A Coruña, e como estes concellos seguen confinados, os veciños de Oleiros agora teñen limitada a entrada neles. "Para min máis cómodo é ter aberto A Coruña, que non, pero terá que ser así", dinos unha veciña. "Tampouco entendes ben a medida porque ata onte podías ir á Coruña e agora non", comenta un veciño. "Apetece ir á Coruña, pero hai que amolarse e seguir as normas", resígnase outra muller.
Aos que só van á Coruña por razóns xustificadas non lles afecta. "Como non teño necesidade de saír nada máis que a traballar e a traballar teño permiso, non me afecta", explica un home.
Quen celebra saír das restricións máis severas, sen dúbida, é a hostalería que estivo pechada ata o venres e que desde hoxe pode ampliar a ocupación dos locais ao 50% no interior e ao 75 nas terrazas."Nós seguimos a traballar o mesmo equipo. Somos quince persoas, é un equipo grande e é importante que siga habendo xente, con todas as medidas".
Desde o sector din que a clave para seguir funcionando está en que os clientes respecten as normas."Por favor, que toda a hostalería insista moito nisto, porque así si podemos seguir abertos no Nadal, ter todos traballo e poder ir para arriba", pedía Pablo Bordallo, empregado da Boleira de Santa Cristina.
Ademais de Oleiros, hoxe tamén quedaron desconfinados os concellos de Neda, Fene, Oroso, Lalín e Burela.

Noticias web

05/12/2020