CRTVG

Buscar

Bruxelas pide aos países "conter agresivamente" o virus para gañar tempo

Publicado o 10/03/2020 11:17
Bruxelas pide aos países "conter agresivamente" o virus para gañar tempo

A comisaria europea de Sanidade, Stella Kyriakides, instou hoxe os estados membros a "conter de forma agresiva" o avance do coronavirus na Unión Europea, co obxectivo de gañar tempo para avanzar na investigación e desconxestionar os sistemas sanitarios nunha crise na que xa se declararon casos en todos os países.

Nunha comparecencia ante o Parlamento Europeo para dar conta da resposta europea ao brote de coronavirus, a comisaria de Sanidade chamou a aplicar medidas de contención, particularmente nos países onde aínda hai "poucos" casos e considerou que os próximos días e semanas serán "críticos" na evolución da situación.

"Os estados membros deben centrarse nos esforzos para conter agresivamente o virus, particularmente onde hai poucos casos. Retardar o virus debe ser nosa principal prioridade para gañar tempo para que os sistemas de saúde funcionen de forma efectiva e que avance a investigación", explicou a comisaria chipriota.

Aínda que non especificou nin valorou a actuación de ningún país, si que subliñou que as decisións dos Gobernos para conter estas crises deben "seguirse ao pé da letra" cando sexan "necesarias e xustificadas, aínda que sexan duras".

"Non podemos seguir a nosa vida como ata o de agora. Estamos a enfrontar unha situación excepcional e baixo estas circunstancias todo o mundo debe cumprir coas súas responsabilidades", insistiu.

Kyriakides informou de que a frecuencia das reunións que mantén coas axencias europeas para actualizarse mutuamente do desenvolvemento da situación será de tres á semana e engadiu que pediu aos Estados membros que planeen con antelación para anticiparse a un posible paso ao seguinte escenario de resposta ao andazo.

Ademais, sinalou que a Comisión espera coñecer esta mañá as ofertas que recibiu á licitación que lanzou a semana pasada para a compra conxunta de material médico, e confirmou que, a pedimento de varios Estados membros, está a explorarse unha nova licitación para equipamento médico respiratorio e kits de proba para detectar o virus.