CRTVG

Buscar

Bruxelas investiga se a fusión entre PSA e Fiat reduce a competencia nas furgonetas

Publicado o 17/06/2020 22:43
Bruxelas investiga se a fusión entre PSA e Fiat reduce a competencia nas furgonetas

A Comisión Europea (CE) anunciou este mércores a apertura dunha investigación en profundidade da fusión proposta polo grupo ítaloestadounidense Fiat Chrysler (FCA) e o francés PSA, fabricante de Peugeot, Citroën ou Opel, que crearía o cuarto coloso automobilístico do mundo.

A CE expresou nun comunicado que lle preocupa que a operación entre estas empresas poida reducir a competencia respecto aos vehículos comerciais lixeiros (furgonetas) de menos de 3,5 toneladas na área Económica Europea (AEE) e, máis especificamente, ata en 14 países da Unión Europea (UE) e no Reino Unido.

A presidenta executiva da CE e responsable de Competencia, Margrethe Vestager, lembrou que o das furgonetas é un "mercado en expansión" e que son importantes tanto para cidadáns individuais como para as pequenas e medianas empresas (pemes) e as grandes para entregar produtos e proporcionar servizos.

En moitos países, tanto PSA como FCA son líderes no mercado das furgonetas ou camionetas, e a CE cre que a fusión "eliminaría un dos principais competidores". A Bruxelas preocúpalle que a transacción proposta poida reducir significativamente a competencia para certos tipos de vehículos comerciais lixeiros en España, Bélxica, Croacia, Chequia, Francia, Grecia, Hungría, Italia, Lituania, Luxemburgo, Polonia, Portugal, Eslovaquia, Eslovenia e o Reino Unido.

A combinación de PSA e FCA podería ter altas cotas de mercado, con especial forza no segmento das furgonetas pequenas, advertiu a CE, que engadiu que "hai menos competidores en furgonetas que en coches de pasaxeiros". A Comisión levará agora a cabo unha investigación en profundidade sobre os efectos da fusión proposta para determinar se é probable que reduza significativamente a competencia.

PSA e FCA decidiron non remitir á CE compromisos durante a investigación inicial que respondesen ás preocupacións iniciais da Comisión, lembrou o Executivo comunitario. A CE terá agora 90 días, ata o próximo 22 de outubro, para tomar unha decisión, e precisou que a apertura dunha investigación en profundidade non prexulga o seu resultado.

FCA e PSA comunicaron en outubro a vontade de fusionarse para constituír o cuarto fabricante mundial de automóbiles, con sinerxias estimadas en 3.700 millóns de euros (máis de 4.000 millóns de dólares) anuais, vendas de 8,7 millóns de unidades (o 9,5% do total global) e unha capitalización duns 45.000 millóns de euros (48.800 millóns de dólares).

A crise do coronavirus golpeou especialmente o sector automobilístico, e FCA e PSA anunciaron recentemente que non pagarán o dividendo ordinario en 2020 correspondente ao ano fiscal de 2019. Fiat Chrysler confirmou que pedirá un préstamo de 6.300 millóns de euros avalado polo Estado italiano valéndose das liñas de crédito postas ao dispor das empresas que afronten problemas pola covid-19.

 

Noticias web

17/06/2020