A UE ameaza con sancionar a España se non protexe os dereitos dos viaxeiros

As regras da Unión Europea obrigan as aeroliñas ou operadores turísticos a reembolsar en efectivo o importe dos billetes anulados. Malia que, se o pasaxeiro o acepta, pódeselle ofrecer un itinerario alternativo ou un cupón para trocar por outra viaxe máis adiante.
Bruxelas detectou que nun grupo de estados membros, entre os que se atopa España, hai "problemas" na súa lexislación que fai que os dereitos dos pasaxeiros non se vexan cubertos na medida en que o esixen as regras da UE. Por este motivo, os comisarios de Xustiza, Didier Reynders, e de Transporte, Andina Valean, enviaron este xoves unha "carta de advertencia" a España, en que se sinala "preocupación" porque na súa análise da situación detectaron posibles deficiencias, segundo apuntan fontes comunitarias.
Danlle de prazo ata o 28 de maio para ofrecer "aclaracións" antes de valorar se procede incoar un procedemento. A comisaria Valean anunciou xa o mércores cartas para os ministros de Transporte de "todos" os estados membros coa intención de lembrar as regras europeas en materia de consumo. Tamén negou que se lanzasen expedientes sancionadores contra doce países, tal e como anunciara pouco antes -e despois corrixiu- a vicepresidenta de Competencia, Margrethe Vestager.
O obxectivo destas cartas, di Valean, é subliñar que os pasaxeiros teñen dereito a esixir o reembolso en efectivo dos seus billetes anulados e rexeitar os cupóns de viaxe que moitas aeroliñas ofrecen no seu lugar.
Estas cartas non supoñen o inicio dun procedemento de infracción, aínda que Reynders e Valean "deixan claro que non dubidarán en tomar medidas" se os países incumpridores non arranxan a situación "con celeridade".
En efecto, Bruxelas ten dúbidas con respecto a trece estados membros, segundo confirmou este xoves nunha comparecencia de prensa o portavoz de Valean, Stefan de Keersmaecker, que nomeou a "Bélxica, Bulgaria, República Checa, Grecia, España, Francia, Croacia, Italia, Luxemburgo, Malta, Polonia, Portugal e Países Baixos".
Polo menos unha ducia de Estados membros, entre eles Francia, Irlanda e Países Baixos, pediron a Bruxelas flexibilidade para suspender temporalmente a obriga de devolver o diñeiro dos voos cancelados, para aliviar os problemas de liquidez das aeroliñas por ter a frota parada como consecuencia da pandemia da COVID-19. Reclamaron unha resposta "urxente" que permita ás compañías aéreas resolver as devolucións mediante cupóns trocables máis adiante, algo ao que se resiste Bruxelas.