Bruxelas advirte a Polonia de que empregará "todos os poderes" para que cumpra as leis e xustiza europeas
Bruxelas advirte a Polonia de que empregará todos os seus poderes para obrigala a cumprir a autoridade das leis e da xustiza europeas. Este venres, o enfrontamento da Unión Europea con Varsovia subiu de nivel logo de que Constitucional polaco rexeitara a primacía do Alto Tribunal da UE.
Profundamente preocupada polo veredicto do Constitucional polaco. E disposta a empregar todos os poderes na súa man. Así se amosa a presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, apoiada por Alemaña e Francia para facer que Polonia acate as leis comunitarias.
Bruxelas xa traballa nas posibles represalias: dende unha multa ata suspender os 36.000 millóns de euros para o país en fondos de recuperación contra a covid.
Sería un botón nuclear que a Comisión non quere premer. Daría paso a unha guerra política con Varsovia e aquí en Bruxelas insisten que aínda estamos nunha disputa legal.
Pero o desafío do Constitucional de Polonia ao desprezar a autoridade do Alto Tribunal da UE e declarar inconstitucionais parte dos tratados da UE só ten un precedente, o brexit do Reino Unido.