Brais Méndez renova co Celta ata 2024
Con esta sinatura o Celta ponlle fin a unha historia que se prolongou demasiado.
"Por fin se confirma que vou seguir aquí, que esta é a miña casa e moi feliz".
Brais remataba contrato a temporada que vén e as negociacións para renovar foron longas e complicadas. Mesmo chegaron a estar estancadas durante meses. Pero finalmente o Celta garante a continuidade do canteirán ata o 2024
Brais Méndez, R. C. Celta: "Que o club aposte por ti para renovar e desta maneira quere dicir que imos seguir xuntos, que confían en min e do mesmo xeito que eu dixen que esta era a miña casa eles así mo demostraron".
Brais renova logo dun ano complicado que non cumpriu as expectativas. A operación retorno que tanto ilusionou e tanto talento xuntou traduciuse nun sufrimento enorme ata a última xornada.
"Foi un ano moi duro, aprendemos moitas cousas e esperemos que non se volvan repetir nun futuro porque ao final non podemos estar sufrindo desta maneira co equipo que temos".
É tempo de reflexión e autocrítica, tamén para Brais, que non estivo á altura daquel xogador que chegou a vestir a camiseta da selección.
"Non se viu todo o que teño que sacar e agardemos que este ano se vexa o Brais Méndez que todos queremos".
Tamén para Brais é tempo de lle dar ao reset.