CRTVG

Buscar

Bosques Terapéuticos, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra para sentir a natureza

Publicado o 17/07/2020 18:49

"Bosques Terapéuticos". Este é o suxerente nome dunha iniciativa que arranca mañá polos parques forestais de Pontevedra. Son rutas guiadas organizadas pola Deputación para coñecer e sentir a natureza que tanta falta nos fai nestes tempos que corren. A primeira saída será por cabo Udra, en Bueu, xunto ás rochas e o mar.  

Sentir o vento á beira do mar, que por certo estes días sopra con forza, ou gozar do aroma das flores que medran entre as rochas proporciónannos momentos de benestar que algúns mesmo cualifican de terapéuticos. Con esa filosofía mañá dan comezo polo cabo Udra as rutas guiadas polos parques forestais de Pontevedra, gratuítas e organizadas pola Deputación. Trátase de conxugar natureza con exercicio e tamén con cultura, e aprender a valorar as árbores, os nosos montes, ás veces tan maltratados.

As rutas guiadas, que se prolongarán ata o 27 de setembro, van descorrer por 5 parques forestais de Pontevedra: o de cabo Udra; o de Freaza, en Fornelos de Montes; o da Costa de Oia; o da Picaraña en Pontereas; e o de Camposancos, na Guarda. Só poderán participar 15 persoas por ruta para garantir a seguridade. Iso non impedirá que a ruta sexa moi participativa e que se fomenten todos os sentidos algo atrofiados entre os urbanitas. Para apuntarse ou para ter máis información hai que entrar na páxina web da Deputación de Pontevedra. Non hai que pensalo moito porque quedan moi poucas prazas.
 

Noticias web

17/07/2020