CRTVG

Buscar

Os simulacros para rescatar con drons os cans atrapados na Palma son esperanzadores

Publicado o 20/10/2021 14:58

"Acabamos de recibir un correo electrónico para que nos dirixamos ao posto de mando, que nos acaban de autorizar o rescate", confirmaba a primeira hora da tarde deste martes Jaime Pereiro, o responsable de Aerocámaras, nunha comunicación online. En canto recibiron esta confirmación, os técnicos de Aerocámaras puxéronse a probar in situ o sistema que idearon para rescatar os cans.

O primeiro que tentaron verificar xa na mesma tarde do martes é o nivel de autonomía do dron nas condicións en que vai ter que intervir para chegar ata os animais que levan semanas atrapados nun terreo illado pola lava do volcán da Palma. Na primeira proba o dron percorreu 1.200 metros cunha carga de 15 quilos e medio e sobrou o 35 % da batería. A priori isto é un gran resultado, pero saben que á hora da verdade haberá moitas outras variables en xogo.

"O momento que vemos máis crítico é a reacción do can cando cheguemos alí e cando empecemos a elevalo", precisa o CEO de Aerocámaras.

O plan ideado pola empresa de Lalín é lograr que os cans entren nunha rede cun cebo de carne para poder sacalos de alí. Terían que entrar de un en un e quedar ben colocados para seguir adiante coa operación.

"No momento que entre e o levante quedaría totalmente inmobilizado. Se queda enganchado ou calquera cousa, soltamos á rede para non lle facer dano ao animal", explica Jaime Pereiro.

Esta mañá autorizáronos a facer xa un voo de recoñecemento sobre o terreo para ver o estado e a reacción dos cans. Se todo vai ben, o terceiro voo non sería só unha proba, senón un primeiro intento de rescate.

Noticias web

20/10/2021