CRTVG

Buscar

Borràs propón a Pere Aragonès como candidato á investidura

Publicado o 24/03/2021 20:01

Laura Borràs, presidenta do Parlament de Cataluña, anunciaba que "constatei que o candidato con máis posibilidades de ser investido presidente da Generalitat é o deputado Pere Aragonès i Garcia".

Tal e como se esperaba, este venres ás 10 da mañá Pere Aragonès someterase á votación do Parlament para presidir Cataluña. Pero a menos de 48 horas, o candidato republicano só ten garantidos os 33 votos da súa formación. Aragonès mete présas desde a súa conta de Twitter. En Esquerra cren que hai tempo para convencer a Junts.

Marta Vilalta, voceira de ERC, dixo que "se é cuestión de vontade política e como non hai cuestións insalvables, temos a obriga de facelo posible e cremos que é posible facelo para este mesmo venres en primeira volta".

Pero a formación de Puigdemont resístese a dar o si. Gemma Geis, de Junts Per Catalunya, explicou que "a data de hoxe, Junts per Catalunya non ten unha posición tomada respecto do sentido do voto na investidura".

Dan por feito que haberá que ir a unha segunda volta, molestos, din algúns con que Esquerra buscara antes o acordo coa CUP que con eles. As bases da formación anticapitalista deciden esta noite se apoian ou non ese pacto: Endavant, unha das organizacións que a integran, está facendo campaña polo non. Unha eventual ruptura no espazo independentista faría revivir as aspiracións do gañador das eleccións.

O socialista Salvador Illa asegurou que" se pode evitar esta repetición dun fracaso, hai alternativa a esta repetición e estou disposto a construíla".

Se o venres non hai investidura, haberá unha segunda votación, previsiblemente o martes.