CRTVG

Buscar

Boris Johnson di que "seguirá co seu plan" de desescalada a pesar do aumento de contaxios pola nova variante

Publicado o 21/10/2021 19:54
Boris Johnson di que "seguirá co seu plan" de desescalada a pesar do aumento de contaxios pola nova variante
EFE

Os contaxios diarios por covid-19 alcanzaron os 52.009 nas últimas 24 horas no conxunto do Reino Unido, superando a barreira dos 50.000 casos por primeira vez desde o pasado 17 de xullo, segundo datos oficiais divulgados este xoves.

O ministerio británico de Sanidade comunicou hoxe así mesmo que outras 115 persoas faleceron no mesmo intervalo de tempo por mor da enfermidade, o que eleva a cifra total de mortes polo virus a 139.146 desde o estalido da pandemia.

Paralelamente, outros datos separados difundidos pola Oficina Nacional de Estatísticas (ONS) apuntaron a que o total de decesos por coronavirus rexistrados no país nos que se mencionaba a enfermidade no certificado de falecemento alcanza os 164.000.

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, urxiu hoxe á cidadanía a poñerse as vacinas de reforzo cando lles toque a súa quenda no medio de crecentes presións sobre o seu Goberno para introducir máis restricións ante a alza dos casos diarios.

O líder conservador reiterou que, pese ao recente aumento de contaxios, o seu Executivo "continuará co seu plan" por agora e asegurou que a actual situación da pandemia é moito mellor que hai un ano grazas ao programa de vacinación.

Johnson recibiu chamamentos desde varios sectores, como o sanitario, para que instaure o seu chamado Plan B ou de continxencia, que reintroduciría o uso obrigatorio de máscaras en certos lugares e a recomendación de traballar desde casa.

Noticias web

21/10/2021