Johnson asina o acordo da relación 'posbrexit' coa UE 24 horas antes do divorcio
O primeiro ministro británico, Boris Johnson, asinou este mércores o acordo que rexerá a relación entre o Reino Unido e a Unión Europea (UE) a partir do 1 de xaneiro.
"Ao rubricar este pacto, cumprimos o desexo soberano dos cidadáns británicos de vivir baixo as súas propias leis, redactadas polo seu propio Parlamento elixido", afirmou Johnson nunha mensaxe na rede social Twitter.
By signing this deal, we fulfill the sovereign wish of the British people to live under their own laws, made by their own elected Parliament. pic.twitter.com/FQDj1Nnqan
— Boris Johnson (@BorisJohnson) December 30, 2020
O Goberno do Reino Unido ratificou con esa firma o tratado, mentres as dúas cámaras lexislativas esperan concluír durante a xornada de hoxe o proceso para trasladar os compromisos adquiridos con Bruxelas á lexislación británica.
A Cámara dos Comúns xa apoiou o acordo por unha folgada maioría -521 votos a favor fronte a 73 en contra- e a dos Lords dará previsiblemente o seu visto e prace nas próximas horas.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, asinaran previamente o texto esta mañá, o cal foi trasladado nun avión das Forzas Aéreas británicas de Bruxelas a Londres para a súa rúbrica por Johnson.
As disposicións do pacto entrarán en vigor unha vez termine o período de transición do brexit na medianoite de mañá. As 1.246 páxinas do novo tratado cobren os intercambios comerciais entre ambos os lados do Canal da Mancha, a cooperación en ámbitos como a seguridade e os dereitos dos cidadáns de ambos os territorios a partir de 2021, entre outros aspectos.