CRTVG

Buscar

Bolsonaro perde outros dous ministros nas últimas horas

Publicado o 29/03/2021 21:47
Bolsonaro perde outros dous ministros nas últimas horas

O ministro de Defensa do Brasil, o xeneral Fernando Azevedo e Silva, anunciou hoxe a súa renuncia ao cargo, pouco despois de que o titular de Exteriores, Ernesto Araújo, tamén o fixera.

"Agradezo ao presidente da República (Jair Bolsonaro), a quen dediquei a miña lealdade ao longo destes máis de dous anos, a oportunidade de servir o país como ministro de Defensa", di unha nota divulgada polo despacho do xeneral.

Azevedo e Silva non precisou as razóns da súa renuncia, que coincidiu coa de Araújo, aínda que neste último caso está forzada por crecentes presións da base parlamentaria do propio oficialismo, descontenta co rumbo da política exterior.

Na súa nota, Azevedo e Silva di que no período en que estivo á fronte do Ministerio de Defensa, desde xaneiro de 2019, cando Bolsonaro asumiu o poder, preservou "as Forzas Armadas como institucións do Estado". Agregou que se despide do Goberno "coa certeza da misión cumprida" e recoñece o papel "institucional" das Forzas Armadas, das que di que "nunca escatimarán esforzos para atender as necesidades e emerxencias da poboación brasileira".

Ademais de Azevedo e Silva e Araújo, Bolsonaro tamén perdeu nos últimos días ao titular de Saúde, o xeneral Eduardo Pazuello, substituído hai unha semana polo cardiólogo Marcelo Queiroga no medio da peor fase da pandemia de coronavirus, que xa matou no Brasil máis de 312.000 persoas. 

 

Noticias web

29/03/2021