CRTVG

Buscar

Bolsonaro destitúe o ministro de Saúde para acabar coas corentenas no Brasil

Publicado o 16/04/2020 22:40
Bolsonaro destitúe o ministro de Saúde para acabar coas corentenas no Brasil

O deputado Luiz Henrique Mandetta anunciou este xoves que foi destituído do cargo de ministro de Saúde do Brasil polo presidente Jair Bolsonaro, a quen tentou convencer sen éxito da gravidade da pandemia de COVID-19. "Acabo de oír do presidente Jair Bolsonaro o aviso da miña dimisión do Ministerio de Saúde. Quero agradecer a oportunidade que me foi dada", escribiu Mandetta no seu perfil na rede Twitter pouco despois dunha reunión co mandatario.

"Foi un divorcio consensuado", dixo o líder da ultradereita brasileira nunha declaración en que confirmou a destitución de Mandetta, firme defensor de medidas de reclusión social para frear a pandemia, apoiadas pola maioría da poboación a pesar da censura directa do mandatario. No seu lugar nomeou o oncólogo Nelson Teich: "O que conversei co doutor Nelson é que gradualmente temos que abrir o país" e poñer fin ás corentenas adoptadas pola maioría dos gobernadores e alcaldes, dentro das súas atribucións constitucionais, declarou Bolsonaro, acompañado por Teich.

A saída de Mandetta foi decidida en momentos considerados críticos e coa pandemia de coronavirus en plena expansión no país, onde ata o de agora se rexistraron 1.924 mortos e 30.425 contaxios. 

 

Noticias web

16/04/2020