CRTVG

Buscar

Boiro mantense en nivel máximo e o resto da Barbanza queda baixo vixilancia

Publicado o 11/12/2020 15:04

O concello de Boiro mantense no nivel máximo de restricións. Seguen aumentando os casos, así que o comité clínico vai someter toda A Barbanza a vixilancia. Cunha incidencia acumulada en 14 días de preto dun milleiro de casos por cada cen mil habitantes, a evolución da pandemia neste concello de Boiro é, agora mesmo, a máis preocupante de Galicia.

Nos últimos días detectáronse unha vintena de casos diarios. Hai que ter en conta, iso si, que moitos son asintomáticos que afloraron cos cribados masivos. De onte a hoxe diagnosticáronse 15 casos novos, 92 no que levamos de semana e tras os cribados masivos que detectaron preto de 40 asintomáticos.

Ás portas do Nadal, a complicada situación epidemiolóxica fai tremer tamén a actividade económica, desde a hostalería ao comercio.

"Está a xente moi preocupada, cun humor...", lamenta a hostaleira Déborah Pérez, que engade: "Hai moitos bares pechados, xente que quedou sen traballo, sen saber se vai volver ou non... os comercios, co peche perimetral, tamén notan moito o baixón".

Preocupación tamén en Sarreaus

Tamén se complicou a situación en Sarreaus, onde se incrementan as restricións ao nivel medio alto. Neste concello da Limia, con pouco máis de mil habitantes, hai 43 casos activos, unha ducia afloraron no cribado realizado o martes. aquí, o concello a través de protección civil está a facer reparticións a domicilio para procurar que os veciños saian o menos posible das súas casas.

 

Noticias web

11/12/2020