CRTVG

Buscar

Boiro segue con restricións máximas e a veciñanza confía en mellorar pronto os datos

Publicado o 12/12/2020 15:23

Día solleiro e tranquilo na vila coruñesa de Boiro, coa xente na rúa e nas terrazas facendo as súas compras como un día calquera. Porén, a poucos metros, a situación cambia, e é que a ameaza da covid-19 está moi presente.


"É triste, moi triste. Polo que sabemos seguen subindo os contaxios, a cousa non baixa, e é moi prexudicial non só para a saúde, senón tamén para a economía da vila porque ninguén vende nada", comenta unha veciña.

Cos datos actualizados, o número de contaxiados no concello boirense elévase a 202 nas últimas dúas semanas, nove máis ca onte. Extrapolados os datos aos cen mil habitantes, o número de casos detectados achégase ao milleiro, cifra que multiplica en máis de dez a que rexistran municipios lindeiros na comarca da Barbanza.

"É que a verdade non se pode saír, porque vés pola mañá a tomar un café, e despois pola tarde xa nada. É meterse na casa, non hai outro sitio onde ir", afirma outro veciño.

Algúns piden máis responsabiilidade persoal: "É un Nadal un pouco difícil, un pouco duro, vai todo na responsabilidade persoal. Temos que ser un pouco máis responsables, un pouco máis de respecto".

Boiro cumpre unha semana coas restricións máximas: Non se pode entrar nin saír do concello agás por causas xustificadas, e os bares, que só atenden as terrazas coa ocupación á metade, abren unicamente ata as cinco da tarde. As xuntanzas, máximo de catro amigos. Con esta situacion, comercio e hostelaría capean como poden o temporal.

Para Daniel García, presidente da Asociación Boirense de Empresarios: "Os casos vanse estabilizar, van baixar e esperemos que poidamos abrir o 22 ou 23. Iso sería a nosa lotaría, que poidamos estar coma antes".

Os boirenses confían en reducir pronto o número de contaxios, aínda que as festas do Nadal probablemente non teñan nada que ver coas do ano pasado.

Noticias web

12/12/2020