Boiro, Antas de Ulla, Sarreaus e Rodeiro son os concellos máis afectados en Galicia
A incidencia da pandemia é moi irregular no territorio galego, pero en cada provincia hai uns concellos que destacan polo número de positivos rexistrados nos últimos catorce días. Para poder comparalos recórrese á incidencia acumulada, que describe os contaxios detectados extrapolándoos coma se en todos os concellos houbese cen mil habitantes.
Na provincia da Coruña, o municipio máis afectado é o de Boiro, con 208 contaxios nas últimas dúas semanas e cunha incidencia acumulada de máis de 1.100 casos. O número de positivos aumentou con respecto aos ultimos datos, aínda que con menor forza que días atrás. "Se segue habendo contaxios é porque estamos a facer as cousas como non as temos que facer. Non podemos saír, están os bares pechados. Que máis imos facer? Como non nos metan nunha burbulla e nos plastifiquen a todos...", lamenta unha veciña.
Na provincia de Lugo, o concello máis afectado é Antas de Ulla, que baixou os casos positivos e queda con dez. Aínda así, a súa incidencia por riba dos cincocentos casos segue a ser elevada.
En Ourense, todos os ollos están postos en Sarreaus, con 46 casos, pero nunha poboación tan pequena que a súa incidencia se dispara ata case os 4.000 casos. Os veciños seguen moi preocupados.
"Vaise levando, non queda outra. Ir aguantando como se poida", afirma un. "A metade do lugar está confinado. Non sei a onde imos chegar", comenta outro residente.
En Pontevedra, o concello máis afectado é o de Rodeiro, onde aumentaron os casos detectados nun trinta por cento. A súa incidencia acumulada é de case 1.400 contaxios, calculada sobre cen mil habitantes, xa que a poboación do municipio é dunhas 2.500 persoas.
A evolución da pandemia e o nivel de restricións é diferente en cada un destes concellos, aínda que todos esperan reverter a situación canto antes.