CRTVG

Buscar

Boiro, A Pobra e Porto do Son pasan a nivel medio de restricións

Publicado o 15/07/2021 15:15

Na medianoite do venres ao sábado, volven as restricións de nivel medio a Boiro, A Pobra e Porto do Son. A hostalaría terá que reducir do cincuenta ao trinta por cento a capacidade no interior, e do cen por cento á metade nas terrazas.

O paso atrás xa se esperaba en Boiro. O concello sumou 103 positivos en 14 días, 89 deles nos últimos sete. Cifras que deixan a incidencia acumulada en 545 casos por cen mil habitantes, a máis alta da comarca.

Séguelle A Pobra, que ten 44 casos activos e dúas persoas hospitalizadas. "Hoxe sumamos 13 casos, a suba máis grande en toda a pandemia" di o alcalde, Xosé Luís Piñeiro. A incidencia a 14 días está nos 472 casos por cen mil habitantes. "Hai dous meses, cunha incidencia de 250 xa entrabas en nivel alto, pero agora deixáronos no nivel medio" di o alcalde.

O novo cómputo para as restricións dálles un respiro, sobre todo pensando na hostalería. Tamén aquí contaban con retroceder, e o concello xa tiña canceladas as festas, concertos e actividades previstas dende esta semana.

1.800 mozos e mozas da Pobra, Porto do Son e Ribeira están chamados a un cribado no hospital da Barbanza para tentar controlar os contaxios na comarca.

Noticias web

15/07/2021