O Goberno prevé abaratar a factura da luz co recorte dos beneficios das centrais
O Consello de Ministros aprobou un anteproxecto de lei que pretende frear a suba do prezo da electricidade. O obxectivo é ingresar uns 1.000 millóns de euros anuais polo recorte dos beneficios que obteñen as centrais eléctricas non emisoras de CO2 anteriores ao 2005 (por cobraren o mesmo que as contaminantes).
Segundo as previsións do Goberno, co prezo actual das emisións, a factura das familias podería abaratarse unha media do 4 % e a das industrias un 1,5 %.
Ademais, o Executivo central botou a andar o proxecto de lei do Fondo Nacional de Sostibilidade do Sistema Eléctrico, que tamén pretende reducir o custo da luz. A norma establece que os distribuidores de produtos petrolíferos por xunto e os operadores de gas contribuirán a financiar os custos regulados (principalmente os 6.500 millóns das renovables).
Segundo explicou a ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribera, as compañías afectadas polo Fondo pagarán menos do previsto inicialmente. Con todo, salientou que non producirá o seu efecto total ata o quinto ano de aplicación, xa que a achega dos sectores que ata o de agora non contribuían a financiar custos do sistema eléctrico será gradual.
Porén, o mecanismo de minoración de ingresos por emisións de CO2 aplicarase a partir da súa publicación no Boletión Oficial do Estado (BOE).
Sistema "bastante equilibrado"
Respecto ás novas tarifas eléctricas que entraron este martes en vigor, a ministra asegurou estar a escoitar "esaxeracións" sobre os seus efectos e defendeu o sistema, con dous tramos de potencia e tres períodos de consumo.
Lembrou que existen treitos fóra da madrugada con tarifas moi equivalentes ás que había e, ademais, abarátanse durante fins de semana e pola noite. Segundo Ribera, pódese obter unha redución no recibo sendo persoas "coidadosas" pero tamén se pode pagar máis se o consumo se concentra "nas horas máis caras".
Na súa opinión, o novo sistema de tarifas é "bastante equilibrado" e lembrou que só afecta unha parte da factura final, porque o resto depende do prezo no mercado eléctrico almacenista ou da fiscalidade sobre a enerxía, que se está a debater nunha comisión de expertos.
Dedicar "a noite ás tarefas domésticas"
A portavoz do PP no Congreso, Cuca Gamarra, botou man da ironía e asegurou que "a única proposta de Sánchez é que non conciliemos o sono e dediquemos a noite ás tarefas domésticas".
Lamentou que os consumidores paguen "dos seus petos a neglixencia dun Goberno que non ten política enerxética" e reiterou a súa proposición non de Lei, que pide suprimir o gravame do imposto sobre a produción de electricidade e traspasar aos orzamentos xerais do estado algúns dos custos regulados da tarifa, a débeda do sistema eléctrico e os custos extrapeninsulares.
Do mesmo xeito, reclama simplificar o recibo para facilitar a súa comprensión. Os populares rexistraron a iniciativa logo de que o Pleno do Congreso rexeitara hai unhas semanas outra proposición en sentido similar.
Transición "improvisada"
Para o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía Francisco Conde a nova tarifa eléctrica constata unha transición enerxética "desordenada e improvisada". Pídelle ao Goberno que rectifique. "A aposta polas renovables non a teñen que pagar en ningún caso nin os consumidores nin as propias empresas", salientou na Coruña.
Na súa opinión, as novas tarifas provocan "unha falta de competitividade" da industria galega "non só a través das empresas electrointensivas", que non conseguiron co estatuto ter un prezo equiparable á Unión Europea, "senón que ademais o propio tecido produtivo vai ter que asumir un custo máis elevado".