CRTVG

Buscar

Bernie Sanders apoia a candidatura presidencial de Joe Biden

Publicado o 14/04/2020 07:32
Bernie Sanders apoia a candidatura presidencial de Joe Biden

O senador esquerdista Bernie Sanders, que a semana pasada se retirou da carreira demócrata para o nomeamento do partido ás eleccións presidenciais de novembro nos EUA, expresou este luns o seu apoio ao que foi o seu rival, o exvicepresidente Joe Biden.

"Necesitámoste na Casa Branca. Farei todo o que poida para ver que iso pasa, Joe", dixo Sanders durante unha emisión en directo da campaña do que fora vicepresidente de Barack Obama (2009-2017), en que participaron ambos desde as súas respectivas casas en Delaware e Vermont.

"Hoxe -continuou  Sanders- pido a todos os estadounidenses, pido a todos os demócratas, pido a todos os independentes, pido a moitos republicanos que se unan a esta campaña para apoiar a túa candidatura, que eu apoio para asegurarnos da derrota de alguén que, creo -e agora estou a falar por min-, é o presidente máis perigoso na historia moderna deste país".

Sanders cancelou a súa campaña presidencial a semana pasada, un día despois das primarias de Wisconsin, cuxos resultados aínda non foron anunciados, pero que tiña como favorito a Biden. O senador por Vermont era o último aspirante demócrata que disputaba a Biden o nomeamento do partido para as presidenciais.

O exvicepresidente agradeceu a Sanders o seu apoio a través da emisión en directo da súa propia campaña, que leva utilizando desde que se suspenderon os eventos físicos por causa da propagación de COVID-19. "Creo que o teu apoio significa algo moi importante. Significa moito para min -indicou Biden-. Creo que a xente se vai sorprender do apartados que estamos nalgúns asuntos, pero do extremadamente próximos que estamos noutros".

Biden tamén chanceou co feito de que o apoio do senador por  Vermont o converteu practicamente no candidato oficial demócrata á Presidencia: "Se son o candidato, o que parece que xa me fixeches ser, vou necesitarte, non só para gañar a campaña, senón para gobernar", dixo.

Sanders, quen se define como un socialista demócrata, baseou a súa campaña nunha ambiciosa axenda para instaurar un sistema de saúde público e gratuíto nos EUA. O senador por Vermont xa tentara lograr a candidatura demócrata en 2016, pero fora derrotado nas primarias do partido pola exsecretaria de Estado Hillary Clinton, quen perdeu nas xerais contra o actual presidente, Donald  Trump.

Sanders manifestou o seu apoio a Biden moito antes de cando daquela o fixera con Clinton, a quen deu o seu apoio en xullo de 2016, máis dun mes despois de que a exsecretaria de Estado conseguira suficientes delegados para lograr o nomeamento na convención do partido.

Biden aínda ten que conseguir unha maioría de compromisarios para consagrarse como candidato dos demócratas, algúns dos cales en 2016 acusaron a Sanders de non traballar suficiente para convencer os seus partidarios de que votasen por Clinton.