CRTVG

Buscar

Bélxica reforza a súa condición de favorita e Dinamarca logra a clasificación máis emotiva

Publicado o 22/06/2021 21:19

Bélxica completou o pleno de vitorias na fase de grupos e reforza a súa condición de favorita. A Finlandia gañoulle 2-0, co remate de Vermaelen e o autogol do porteiro e co disparo á media volta de Lukaku, que se coloca entre os máximos goleadores con tres tantos. A Selección que adestra Roberto Martínez tamén é a segunda máis goleadora, con sete, un menos que os Países Baixos, e cos mesmos goles que Italia. Bélxica xogará en Sevilla o seu partido de oitavos contra un terceiro de grupo por determinar. O seleccionador xa expresou a súa preocupación polo estado do campo.

Se o pase de Bélxica era previsible, a de Dinamarca foi a clasificación máis emotiva. Marcoulle catro goles a Rusia e meteuse como segunda de grupo. O torneo empezara con derrota para os nórdicos tralo dramático episodio de Erikssen. Despois perdeu contra Bélxica e no terceiro partido rexurdiu. Rusia achegouse 1-2 por medio dun penalti pero Dinamarca reaccionou e celebrou o pase ós oitavos, onde se baterá contra Gales. Este mércores finaliza a fase de grupos: resólvense o grupo de España e o grupo máis potente, o de Alemaña, Francia e Portugal.

Noticias web

22/06/2021