CRTVG

Buscar

Beatriz Pino: "Ciudadanos é unha formación importante entre os liberais europeos"

Publicado o 21/06/2019 11:20

Beatriz Pino é unha das dúas deputadas galegas de Ciudadanos, no seu caso elixida pola provincia de Pontevedra. Nunha entrevista no Bos Días, quixo deixar claro que "somos un partido de centro liberal que poñemos sentido común nos gobernos que se poden levar a cabo". E ante as críticas chegadas desde Europa á súa formación polos pactos alcanzados asegurou que non hai dúbidas sobre Ciudadanos entre os liberais europeos, "a foto de onte do noso líder Albert Rivera cos representantes desas formacións na Unión Europea é significativa", manifestou. "Somos unha formación importante entre os liberais europeos", dixo Beatriz Pino.

"Ciudadanos dixo desde o inicio da campaña que temos unha liña vermella que é que non imos pactar con Sánchez, porque é un perigo para España", afirmou para explicar a posición do seu partido respecto á investidura de Sánchez e a certas presións para que faciliten o acceso de Pedro Sánchez á investidura. "Hai que dicilo alto é claro, estase botando nos brazos dos batasunos, filoetarras e cachorros da ETA", afirmou.

En canto ao ámbito galego, Pino asegurou sobre o acontecido en Ourense co pacto entre Democracia Ourensena e o Partido Popular que "estamos abraiados co que pasou". Novamente volveu falar de liñas vermellas, neste caso para Manuel Baltar "temos como socio prioritario ao PP, pero sacando a Baltar da Deputación". Non obstante, sobr a alianza entre Gonzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar, dixo que é feble "o goberno vai durar dous telexornais, eu doulle dúas ou tres semanas", dixo.

Pero máis alá do ocorrido en Ourense, Beatriz Pino amosouse satisfeita coas dúas últimas citas electorais "en Ciudadanos estamos moi contentos cos resultados en Galicia". "Somos unha forza que con cinco anos e pico de historia nos imos asentando no territorio galego". "Temos a pouco máis dun ano as autonómicas e a ver que pasa", dixo Pino quen non cre que a súas alianzas co Partido Popular lles estean limitando ou freando. "Nós temos que movernos sempre no marco constitucionalista, e desgrazadamente non hai moitos máis partidos que apoien esas posturas, por iso o PP é o socio preferencial", concluíu.

Respecto a Manuel Valls, dixo que "a situación en Cataluña é complicada, e cando Valls saiu da liña marcada tomamos decisións. As cousas son claras", dixo.

 

Noticias web

21/06/2019