CRTVG

Buscar

O BBVA ofrece prexubilacións desde os 53 anos e mellora as condicións para recortar persoal

Publicado o 04/06/2021 17:20
O BBVA ofrece prexubilacións desde os 53 anos e mellora as condicións para recortar persoal

O BBVA mellorou este venres as condicións económicas que expón para reducir o seu persoal en España, un día despois de rebaixar a cifra de despedimentos a 2.935. Agora, ofrece prexubilacións a partir dos 53 anos, segundo informaron CCOO e UXT.

Tras estes últimos avances, que chegan logo da folga deste mércores, acordouse prorrogar a negociación ata o martes 8 de xuño.

Unha das principais novidades da mellora das condicións é que o BBVA lles ofrece ás persoas de 53 e 54 anos, con dez anos de antigüidade, unha renda do 55 % do salario,  convenio especial da Seguridade Social ata os 63, con revalorización do 3 % anual, e desconto da prestación de desemprego e subsidio.

Ás que están entre 55 e 62 anos, o banco está disposto a pagarlles ata o 72 % do soldo, fronte ao 70 % ofrecido ata o de agora, convenio especial da Seguridade Social ata os 63 anos, con revalorización do 3 %, xa non do 1 %, e desconto da prestación de desemprego e subsidio.

Pola súa banda, as de 63 anos ou máis seguirían percibindo unha indemnización de 20 días por ano traballado cun tope de 12 meses.

No caso de estaren entre os 50 e os 52 anos e acollerse ao plan de baixas, a indemnización fixaríase no 65 % do seu nivel retributivo anual, multiplicado por cinco, e non por catro como ata o de agora, pero igualmente cun máximo de 250.000 euros.

A iso engádese o convenio especial da Seguridade Social ata os 61 anos en renda temporal dun fixo anual de 15.500 euros; unha prima de 2.000 euros por cada trienio de antigüidade; unha prima de 15.000 euros por difícil recolocación e outra de voluntariedade de 15.000 euros, que se eleva a 20.000 se a persoa ten unha antigüidade superior a 15 anos.

Resto do persoal

Para o resto, isto é, menores de 50 anos e persoas con menos de 10 anos de antigüidade, a indemnización que ofrece o BBVA pasa de 33 a 38 días por ano, cun tope de 24 mensualidades, xa non de 20; unha prima de 2.000 euros por cada tres anos na empresa, e outra, de voluntariedade, de entre 5.000 e 20.000 euros.

O banco mellora así mesmo as condicións nos casos de mobilidade xeográfica e acepta a proposta de CCOO para dar a posibilidade de que haxa ata 210 excedencias incentivadas.

Cando se alcance o acordo, abrirase o prazo de adhesión voluntaria. A idea inicial é que o persoal dos servizos centrais e dos centros corporativos poidan apuntarse ata finais de xuño e o persoal da rede de sucursais, ata o 12 de xullo.

Noticias web

04/06/2021