Baróns socialistas rebélanse contra as negociacións do Goberno con Bildu
Comezou a tramitación dos Presupostos Xerais do Estado e comezan as negociacións do Goberno cos partidos. O apoio de Bildu ás contas acaparou boa parte do debate político e levantou reticencias entre algúns baróns socialistas. Ás críticas, o Goberno réstalles importancia.
Oskar Matute EH Bildu: "Hoxe non remata nada, hoxe acaba de empezar todo".
As palabras de Oskar Matute revelaban que o seu apoio ás contas terá vocación de continuidade.
Por riba do éxito do Goberno para continuar co trámite dos presupostos, EH Bildu acaparaba o protagonismo e convertíase no centro de debate político.
Fóra do Congreso, catro baróns socialistas rebelábanse contra as negociacións cos vascos e cos cataláns, deixando de lado Ciudadanos. Primeiro, o estremeño Guillermo Fernández Vara lamentaba que Otegi fose clave para decidir os presupostos. Ás críticas sumáronse o castelán Emiliano García Page ou o aragonés Javier Lamban; nas últimas horas, era o presidente asturiano Adrián Barbón quen aseguraba que pactar con EH Bildu non era prato de bo gusto inda que engadía que o importante é aprobar os presupostos. As críticas non son unánimes, por tanto, no seo socialista. A vicelendakari Idoia Mendía esixiulles coherencia aos seus compañeiros de partido, e ve positivo que os vascos se impliquen na gobernabilidade de España.
No Goberno falan de normalización democrática.
José Luís Ábalos, ministro de Transportes: "Coa mentalidade de algúns, a transición sería imposible hoxe. Podemos aceptar que unha forza estea no Parlamento pero non normalizar a súa actuación? É incomprensible".
O Partido Popular acusa o Goberno de pagarlle a Bildu co achegamento de presos a Euskadi.
Pablo Casado, presidente do PP: "O noso rexeitamento aos socios que hoxe consolidou Pedro Sánchez. Despois de negalo tanto tempo, Bildu pasa a ser un socio prioritario".
Engadía Casado que estes eran os presupostos máis caros da democracia.