Bárcenas declara pola Púnica: "Vin a Lapuerta darlle a Esperanza un sobre con 60.000 euros"

Luis Bárcenas, o extesoureiro do PP, volveu hoxe á Audiencia Nacional. O xuíz citouno como testemuña no marco do caso Púnica que investiga o presunto financiamento irregular do Partido Popular de Madrid. Bárcenas declarou que el e máis Lapuerta, tamén extesoureiro do PP, lle entregaran en 2007 a Esperanza Aguirre un sobre con 60.000 euros dunha construtora. Ademais de Aguirre, nesta causa, están imputados outros dous expresidentes: Cristina Cifuentes e Ignacio González.
A expresidenta da Comunidade de Madrid Esperanza Aguirre anunciou que se querelará contra Bárcenas.
"Estas afirmacións son rotundamente falsas e realizáronse en sede xudicial sen ningunha proba que as apoie. Nunca, xamais, en ningún momento, recibín entrega de diñeiro algunha por parte do sr. Bárcenas nin do sr. Lapuerta", afirmou Aguirre nun comunicado este mércores.
Bárcenas declarou este mércores como testemuña ante o xuíz que investiga o caso Púnica e relatou que presenciou a entrega dese sobre con diñeiro na sede do partido na rúa Xénova de Madrid.
Aguirre, que está imputada nunha peza do caso Púnica, en que se investiga o presunto financiamento irregular do PP de Madrid que ela presidía, respondeu que esa acusación é "unha rotunda mentira" e asegurou que se querelará por falso testemuño.