CRTVG

Buscar

Bárcenas, ante o xuíz: "Un avogado do PP díxome que a miña muller iría ao cárcere se falaba"

Publicado o 18/12/2020 17:35
Bárcenas, ante o xuíz: "Un avogado do PP díxome que a miña muller iría ao cárcere se falaba"

O extesoureiro do PP Luís Bárcenas afirmou que, cando estivo en prisión preventiva no cárcere madrileño de Soto del Real en 2013, un avogado ao que vinculou co partido foi visitalo e advertiulle que se falaba a súa muller Rosalía Iglesias acabaría no cárcere.

Bárcenas declarou este venres por videoconferencia desde esa mesma prisión, onde cumpre condena polo caso Gürtel, como prexudicado na causa do caso Villarejo en que se investiga a espionaxe á súa familia por parte dun operativo parapolicial -coñecido como Kitchen- supostamente deseñado polo Ministerio do Interior ese mesmo ano.

Na súa declaración ante o xuíz Manuel García Castellón, que se produciu no marco dunha subpeza secreta de Kitchen en que se investiga o exchofer de Bárcenas Sergio Ríos, que supostamente actuou como confidente policial, o extesoureiro referiuse á visita que lle fixo en prisión o avogado Javier Iglesias, que actualmente, entre outros, defende o xefe de Gürtel Francisco Correa ou a muller do excomisario José Villarejo, Gemma Alcalá.

Segundo Bárcenas, Javier Iglesias foi a presionalo como avogado do PP, que entón presidía Mariano Rajoy, extremo que este letrado desmentiu como, lembrou, xa fixo no seu día. O extesoureiro foi tamén preguntado sobre como se produciu a contratación como chofer de Sergio Ríos e que, segundo a investigación, chegou a copiar documentos que despois facilitou a un dos policías imputados en Kitchen, o excomisario Enrique García Castaño, El Gordo.

O fillo de Luis Bárcenas e líder do grupo musical Taburete, Guillermo Bárcenas, tamén compareceu este venres polo caso Kitchen tras admitirse a súa comparecencia tamén como prexudicado por estes feitos. Preguntóuselle fundamentalmente polo asalto dun falso cura ao domicilio da familia Bárcenas, tamén en 2013 estando o extesoureiro en prisión preventiva, un asunto polo que xa foi condenado a prisión o autor, quen non puido declarar nesta causa ao determinar o forense que non estaba en condicións de saúde.

Nesta peza, en que tamén figura como prexudicada Rosalía Iglesias, quen ingresou recentemente en prisión polo caso Gürtel, investígase se ese episodio está tamén relacionado coa espionaxe ao círculo de Bárcenas, supostamente en busca de documentos comprometedores para dirixentes do PP.

Ademais do excomisario José Villarejo, neste procedemento están imputados exdirixentes políticos como o exministro do Interior Jorge Fernández Díaz e o seu entón segundo, Francisco Martínez; e varios membros da antiga cúpula policial como o exnúmero dous da Policía, Eugenio Pino. Este último declarou esta semana que o seu inmediato superior, o entón director xeral da Policía, Ignacio Cosidó, estaría ao tanto da operación que, con todo, enmarcou dentro da legalidade.

Noticias web

18/12/2020