CRTVG

Buscar

Bárcenas: "A sentenza da caixa b acreditará que os papeis son certos"

Publicado o 17/03/2021 18:58

O extesoureiro do PP Luis Bárcenas mostrouse convencido con que a sentenza sobre a caixa b do PP acreditará que os seus famosos "papeis" son "certos" e, respecto á responsabilidade desa contabilidade opaca, dixo que "non entra na cabeza de ninguén que alguén dun partido poida autonomamente crear unha estrutura desas características sen o control de ninguén".

Así o expuxo Bárcenas durante a súa comparecencia na comisión do caso Kitchen, ante a que se acolleu a non declarar sobre esa causa para non prexudicar a parte que está secreta, aínda que deu algún detalle e tamén respondeu a preguntas dos portavoces sobre a caixa b e o seu diñeiro en Suíza.

A preguntas de Pablo Echenique (Unidas Podemos), corroborou que o avogado Javier Iglesias, ao que sempre define como un emisario do PP, prometeulle estando en prisión provisional que, se falaba do financiamento do partido, a súa muller iría ao cárcere e, se calaba, o exministro de Xustiza Alberto Ruiz Gallardón sería destituído no último Consello de Ministros antes das vacacións e a el arquivaríaselle a causa "por nulidade".

Tamén considerou que o tribunal que o está xulgando pola caixa b do PP "vai deixar acreditado que os papeis son certos" e precisou que non son os papeis de Bárcenas, "son os papeis do Partido Popular". "Nuns meses ímolo saber", prognosticou.

Sobre se foi o exsecretario xeral do PP Francisco Álvarez-Cascos o que montou a caixa b, precisou que o que el dixo no xuízo é que foi o seu superior Álvaro Lapuerta, xa falecido, o que llo indicou.

A portavoz de Vox, Macarena Olona, desvelou tamén que na súa visita a prisión ao excomisario José Villarejo este aseguroulle que detrás das contas de Bárcenas en Suíza estaba o exsecretario xeral Javier Areas. "Xa declarei en Época I ( Gürtel) e sempre dixen o mesmo: que ese diñeiro é exclusivamente meu, que non hai ninguén máis detrás desas contas", tampouco o expresidente do Goberno Mariano Rajoy, sentenciou Bárcenas, que sinalou en varias ocasións que está en prisión por cometer delitos fiscais e que iso non ten nada que ver co PP nin con delitos de corrupción política

O extesoureiro tamén revelou que compartiu un café con Villarejo nun restaurante ao pouco de estalar o caso Gürtel en 2009. Segundo relatou, estaba alí comendo cando viu que entraba no establecemento un alto cargo da Policía, ao que dixo que se achegou para recriminarlle o seu "sectarismo" e que todos se acabaron sentando xuntos ás sobremesas. 

 

Noticias web

17/03/2021