CRTVG

Buscar

Barcelona súmase á restrición de emisións cunha superficie 20 veces maior a Madrid Central

Publicado o 01/01/2020 14:42

Barcelona súmase neste comezo de ano ás 250 cidades europeas que restrinxen o tráfico aos vehículos máis contaminantes. No concello falan dun cambio de era e establecen un perímetro para a zona de baixas emisións que multiplica por 20 o de Madrid Central. Mentres, na capital do Estado reducen o espazo pero endurecen as condicións para os vehículos máis vellos.

Barcelona estrea a zona de baixas emisións máis ampla do sur de Europa. Abrangue a práctica totalidade da cidade: toda agás tres barrios da parte alta e a zona franca.

Hai 36 cámaras instaladas para vixilar que os vehículos que atravesen o perímetro entre as sete da mañá e as oito da tarde cumpran coas condicións.

A DXT repartiu xa as pegatinas que identifican a categoría do vehículo. Un código QR indica ano de matriculación, modelo, marca, e nivel de emisións; e identifícase a matrícula e a fonte de enerxía.

Quedan así establecidas as catro tipoloxías dos que poden acceder:

A etiqueta B identifica os vehículos de gasolina matriculados a partir do ano 2000 e os diésel a partir de 2006

A C, os do seguinte treito

A ECO para os híbridos, enchufables con pouca autonomía e propulsados por gas

E a Cero Emisións, para os eléctricos e os híbridos enchufables con maior autonomía.

O concello estima que hai máis de 50.000 vehículos de categoría A, os máis contaminantes. E claro, haberá multas, de entre 100 e 1800 euros se non respectan as normas.

Barcelona súmase as 250 cidades europeas con zonas de baixas emisións, multiplicando por 20 a superficie de Madrid Central, que precisamente desde hoxe reduce a zona restrinxida.

Iso si, desde hoxe mesmo os vehículos A, os máis vellos e contaminantes, non poderán acceder a aparcamentos públicos.

Noticias web

01/01/2020