CRTVG

Buscar

Barcelona homenaxea en silencio as vítimas dos atentados do 17-A no cuarto aniversario

Publicado o 17/08/2021 10:43
EFE

Barcelona rendeu este martes unha sobria e emotiva homenaxe ás vítimas do 17-A, no cuarto aniversario dos atentados, nun acto presidido polo silencio, unicamente roto polo Cant dels Ocells e no que familiares e autoridades depositaron caraveis brancos nas Ramblas.

O acto, sen discursos e nun respectuoso silencio, iniciouse ás dez da mañá no memorial da Rambla fronte ao Liceu, cun minuto de silencio mentres soaban de fondo as notas do Cant dels Ocells, o oficioso himno da paz de Pau Casals, interpretado por un artista local, ao que seguiu unha ofrenda floral, primeiro por parte de vítimas e familiares e, posteriormente, polos representantes institucionais.

Entre os asistentes ao acto, ademais de máis de medio centenar de vítimas e familiares de afectados polos atentados de Barcelona e Cambrils (Tarragona) do 17 de agosto de 2017 -en que faleceron 16 persoas e máis de 140 quedaron feridas-, participaron, entre outros, o presidente da Generalitat, Pere Aragonès; a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, e a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, así como representantes dos corpos de seguridade e dos equipos de emerxencias.

 

Noticias web

17/08/2021