CRTVG

Buscar

O Barcelona vence un competitivo Obradoiro liderado por Enoch (76-70)

Publicado o 06/05/2021 23:07
O Barcelona vence un competitivo Obradoiro liderado por Enoch (76-70)

O Barça, de doce resaca tras asinar o pase á Final a Catro da Euroliga, dobregou no Palau Blaugrana (76-70) un competitivo Monbus Obradoiro, nun partido igualado que se decidiu no último cuarto polo talento dos xogadores locais.

Liderado por Leo Westermann (14 puntos) e cunha notable actuación de Pau Gasol (12 puntos), o equipo azulgrá asinou unha vitoria traballada contra un rival que plantou cara con Steven Enoch na zona (17 puntos) e as alternativas defensivas expostas por Moncho Fernández.

O conxunto galego afrontou os últimos dez minutos con aínda opcións de loitar polo triunfo (57-48). A dinámica positiva do Obradoiro confirmouse nos primeiros compases do último cuarto. A defensa galega forzaba o Barça a precipitarse con tiros ao límite da posesión.

Daum e Enoch, baixo os aros, achegaban o Obradoiro a seis minutos para o final (62-60). Pero nos últimos compases o Barça moveu o balón con paciencia, defendeu con intensidade e o acerto de Abrines e Westermann desde o perímetro fixeron o resto.

Un parcial de 12-5 (74-65, min.39) acabou coa resistencia do Obradoiro, que ten a permanencia matemática a unha vitoria.