CRTVG

Buscar

"A estabilidade no Concello de Ourense pasa por que regrese o PP ao goberno municipal"

Publicado o 09/06/2021 12:47

Ourense volve estar no punto de mira informativo. O pleno do Concello deberá decidir se acepta a oferta do alcalde de mobilizar 62 millóns de euros de aforro. Sería a maior modificación presupostaria da historia de Ourense. A negociación deste luns non frutificou; haberá que ver se o alcalde terá que recorrer á cuestión de confianza.

Gonzalo Pérez Jácome goberna Ourense con só con dous concelleiros, dun total de 27 cos que conta a corporación. Hai oferta para que o PP engrose ese goberno municipal e todo depende do que diga o presidente de partido en Ourense; o tamén presidente da Deputación.

Xosé Manuel Baltar referiuse a este asunto nunha entrevista realizada no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, onde manifestou que "a estabilidade no concello pasa por que regrese o PP ao goberno municipal". Afirmou que o alcalde está a manter conversas cos responsables dos grupos e que o pleno onde Jácome leva unha modificaicón de crédito importante si se vai desenvolver e así outorgaráselle e estabilidade que precisa o concello.

En canto a asinar unha moción de censura, o presidente dos populares ourensáns afirmou que xa houbera un acordo para cambiar o alcalde cun goberno de coalición entre o grupo popular e o socialista. Dixo que non o podía presidir ese goberno Rafael Villarino, que lles valía calquera outro concelleiro socialista e que o cambio non foi posible porque o líder dos socialistas ourensáns quería ser o alcalde.

Cambio de apoio na Deputación de Ourense

Sobre un cambio no apoio de Democracia Ourensá na Deputación, Baltar afirmou que non ten por que cambiar. Destacou que "a política é falar e que se escribe con 'p' de pacto" e que buscan diálogo e chegar a consensos para que haxa estabilidade nas institucións como na Deputación de Ourense.

O Partido Socalista denunciará ante o Tribuanl de Contas a xestión da Deputación de Ourense e o senador Leiceaga alerta de anomalias na adxudicación de fondos públicos. Baltar afirmou que ese asunto non lle preocupa e que o socialista non se referiu aos datos que amosa o informe sobre o concello de Vigo ou a Deputación de Lugo. O presidente da Deputación afirmou que dende que levaba presidindo a institución non tivo ningunha intervención da secretaría xeral e que "son o goberno provincial máis transparente de España".

Congreso autonómico e comicios municipais

Os próximos 16 e 17 de xullo, o Partido Popular celebrará o seu Congreso autonómico. Baltar destacou que a dirección local do seu partido está no relanzamento de proxectos a nivel persoal e que teñen que armarse de cara as eleccións municipais de 2023. Dixo que Ourense cidade será un dos puntos onde van actuar para ser a lista máis votada e acadar a maioría absoluta. 

Concentración na praza de Colón

En canto á concentración do próximo domingo na praza de Colón contra a concesión dos indultos aos condenados por sedición, Baltar dixo que a decisión do Goberno merece unha reposta e que a cidadanía ten que pronunciarse. O presidente da Deputación afirmou que este sábado estará en Cartaxena e que "pode que o domingo estea en Madrid". Cre que non se pode tratar de forma privilexiada a alguén que non só presume do que fixo senon que di que o volvería facer e que para que haxa indulto non se debe volver a reincidir e iso non se cumpre.

 

Noticias web

09/06/2021