CRTVG

Buscar

Balaídos decidirá o ascenso a Segunda B o sábado ás 19.30 na tvG2

Publicado o 24/07/2020 20:35

Vésperas de día grande. O fútbol galego prepárase para coñecer o seu campión na Terceira. Os mellores equipos, Compostela, ao que lle vale empatar para ascender, e Ourense Club de Fútbol no mellor escenario, Balaídos. Favorito? Segundo Bicho, do Compostela: "A un partido único eu creo que non hai ningún favorito e temos que ir con esa mentalidade de que pode pasar calquera cousa". Pola súa banda Juanma Justo considera que non hai favoritos " porque os números están aí. Na liga, se hai algún favorito somos os dous porque a diferenza foi dun punto, o nivel foi máximo dos dous equipos"

Esa igualdade continuou no primeiro partido destas eliminatorias exprés polo ascenso a Segunda B. O Ourense Club de Fútbol derrotou 2-1 ao Arousa e o Compostela superou 3-1 ao Barco. Preguntámoslles polas claves do encontro e Bicho sinalou:  "Oxalá que se dea un partido como o do Barco no que pronto nos puxemos por diante e coa vantaxe de podermos empatar sería unha gran vantaxe". Para Justo: "É certo que o que se adiante primeiro dá un pasiño na eliminatoria pero eu creo que vai estar nalgún pequeno detalle, nalgún erro, nalgunha desconexión..."

E en vésperas de festa os xogadores teñen permiso para soñar. Juanma Justo imaxinou un partido "con vitoria do equipo e desfrutándoo todos xuntos, que somos un grande equipo de amigos e compañeiros" Bicho desexa "meter un gol e se non son eu o importante é o equipo e que o equipo poida gañar e conseguir o ascenso"

Eses soños resolveranse o sábado a partir das 19.30 na tvG2

 

Noticias web

24/07/2020