CRTVG

Buscar

Súmanse dúas mortes nunha xornada en que os contaxios diarios seguen preto dos 200

Publicado o 18/04/2021 20:17

• Hai 192 enfermos nos hospitais, nove máis que o día anterior

• Galicia baixa dos 190 contaxios diarios

Nas últimas horas, Sanidade notificou a morte de dúas persoas por mor da covid−19. Ambas con patoloxías previas: un home de 84 anos, que faleceu no CHUAC o 17 de abril, e unha muller de 86, que morreu no mesmo hospital este domingo. Con estes datos, Galicia rompe a tendencia de varias xornadas consecutivas sen notificar falecementos, e a cifra total de vítimas ascende a 2.373 dende o inicio da pandemia.

A evolución epidemiolóxica de Galicia rexistra certa estabilidade nos seus indicadores, con lixeiras variacións á alza e á baixa. Con datos das 18 horas do sábado, baixan os contaxios, co diagnóstico de 188 novos positivos, seis menos que a xornada precedente. As PCR realizadas permitiron detectar tres positivos menos: 173.

Os casos activos experimentan unha repunta e son 2.693, que son 103 máis respecto ao día anterior, e sitúanse por riba dos 2.600. Seguen á alza por décima xornada consecutiva.

Canto ás hospitalizacións, aumenta a presión asistencial, con 192 persoas ingresadas, nove máis. En planta son 162 (+10) os pacientes e nas UCI, pola contra, hai un enfermo menos: 30 permanecen nas unidades de agudos.

Agárdase que aínda que se consolide unha cuarta vaga do virus, os efectos da vacinación nos grupos de maior risco rebaixe a letalidade. A inmunización nótase nas residencias de maiores, onde morreron 790 persoas durante a pandemia. Hai días que non quedan nin usuarios nin traballadores contaxiados.

Situación por áreas sanitarias

As infeccións soben unha xornada máis en todas as áreas sanitarias agás na de Santiago, que rexistra por segundo día consecutivo un descenso. En Ferrol non teñen ningún paciente ingresado en UCI nas últimas horas.

A Coruña: 673

Vigo: 706

Ourense: 220

Santiago: 368

Lugo: 192

Pontevedra: 428

Ferrol: 106