CRTVG

Buscar

Dúas mortes nunha xornada de descenso dos casos activos e dos pacientes nas UCI

Publicado o 16/05/2021 19:51

• Aumentan as persoas hospitalizadas en planta con 138 (+4)

• Os novos positivos caen ata os 126, con 51 menos ca o venres

• As residencias galegas, libres de novo da covid

Nas últimas horas, Sanidade comunicou a morte de 2 persoas por mor da covid. Trátase dun home de 80 anos que morreu no CHUVI e unha muller de 87 que faleceu no CHUAC, ambos con patoloxías previas. As mortes correspóndense co sábado, 15 de maio. Dende o inicio da pandemia faleceron 2.403 persoas en Galicia. 

A evolución da incidencia da pandemia segue cos indicadores nunha situación de estabilidade. Os casos activos diminúen e son 2.832, con 33 menos que o día anterior, con datos recollidos ata as 18 horas do sábado.

Os contaxios diarios redúcense e son 126 as persoas detectadas co virus en todas as probas, 51 menos. Delas, 118 recibiron o diagnóstico por PCR; son 50 positivos menos.

Aumentan as persoas que precisan tratamento hospitalario con 173, unha máis, pero co dato positivo de que son 35 as ingresadas nas UCI galegas, con tres enfermos menos nestas unidades que a xornada precedente. Pola contra hai 138 persoas en planta, que son catro máis a vixilancia en cama convencional hospitalaria.

Hoxe xa non hai ningún positivo nas residencias galegas. Onte fixéronlle probas a cinco usuarios contaxiados da DomusVi de Chantada e todos deron negativo. Eran os últimos que quedaban, logo dun gromo que se detectou o 30 de abril e que chegou a afectar 11 internos e dous traballadores.

Situación por áreas sanitarias

As infeccións activas baixan en case todas as áreas sanitarias, coas cifras estables en Ourense, e cunha suba de dúas persoas máis co virus en Ferrol. No tocante ás unidades de críticos, Vigo supera este domingo á Coruña con dez pacientes ingresados e Pontevedra conta con 9 co que supera á da Coruña, na que baixan e  permanecen 8 nestas unidades. Na área de Ferrol só hai unha persoa hospitalizada nas UCI. A situación por áreas é a seguinte:

A Coruña : 628 

Ferrol : 87

Lugo : 177

Ourense : 211

Pontevedra : 452

Santiago : 428

Vigo : 849