Baixan os casos activos na Coruña-Cee por primeira vez na quinta vaga da pandemia
Publicado o 10/08/2021 14:17
Nesta quinta vaga da pandemia, a área sanitaria da Coruña-Cee era a única que, xornada tras xornada, sumaba novos casos activos na evolución epidemiolóxica da nosa comunidade. Unha tendencia á alza que hoxe, por primeira vez, non se dá.
Con 216 contaxios novos nas últimas 24horas, a cifra máis baixa das rexistradas ata o momento, os casos activos sitúanse en 4.599, 20 menos ca onte.
Con todo, polo de agora a situación hospitalaria segue igual, con 97 pacientes ingresados: 81 en planta, e 16 nas unidades de coidados intensivos.
Malia a boa nova da xornada, a da Coruña-Cee segue a ser a área sanitaria máis afectada de Galicia, á espera de que a evolución das cifras nos próximos días se manteña á baixa.