CRTVG

Buscar

Boa evolución da covid en Galicia, con menos casos activos e menos contaxios

Publicado o 12/06/2021 21:31

O número de pacientes con infección activa segue caendo en Galicia. Hoxe hai 1.517 e o descenso prodúcese en todas as áreas sanitarias agás en Lugo que se mantén e en Ferrol e na Coruña que sobe. Desde o 12 de abril a área sanitaria de Vigo era a que máis infectados tiña pero os datos de onte volven colocar a Coruña como a área de máis casos e tamén a de máis contaxios. Con todo, tamén aquí no último mes reducíronse case á metade os positivos.

Durante a última xornada os contaxios descenderon con respecto ao día anterior. Rexistráronse 81 casos novos: Aumentaron en Lugo e Ourense e baixaron no resto das áreas. Hai xusto un mes a cifra de casos novos superaba os 200, e desde que comezamos xuño tan só se pasaou dos 100 en tres xornadas. Así é que a incidencia segue baixando no conxunto de Galicia. De feito xa non queda concello ningún nos niveis máximo e alto de restricións e só cinco municipios: Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove están no nivel medio.

Nos centros escolares tamén continúa o descenso de casos. Hai 269 positivos e catro aulas pechadas.

Tamén as cifras de hospitalización manteñen unha boa evolución. Nestes momento hai en total 68 pacientes ingresados, eran 191 hai só un mes. E nas UCI, aínda que se rexistraron dous casos máis nas últimas horas, temos 16, menos da metade dos que tiñamos por estas datas en maio.

O que si segue habendo son falecementos. A consellería de Sanidade notificaba dúas mortes nas últimas horas. No que levamos de semana finaron catro persoas dun total de 2.430.