CRTVG

Buscar

Sen novas mortes en Galicia nunha xornada en que os activos baixan dos 3.000 e aumentan os hospitalizados

Publicado o 09/05/2021 20:06

• Os ingresados son 202, dez máis que a xornada anterior, cun paciente mais en UCI

• As infeccións activas son 2.987 (-36)

Sen novas mortes en Galicia nunha xornada en que os activos baixan dos 3.000 e aumentan os hospitalizados

Nas últimas horas non se notificaron novos falecementos por mor da covid−19 en Galicia. A cifra total mantense en 2.394 dende o sábado, cando se comunicou a morte dunha muller de 92 anos no CHUAC. Con todo, este falecemento corresponde ao 7 de maio, segundo indicou Sanidade.

A evolución da pandemia en Galicia segue nunha certa estabilidade o primeiro día sen o estado de alarma, con datos recollidos ata as 18 horas do sábado. As infeccións activas sitúanse por baixo das 3.000, e son 2.987 as persoas que teñen o virus, cunha redución de 36 enfermos sobre a xornada anterior.

Os contaxios detectados en todas as probas realizadas en 24 horas son 189, dous menos que a xornada precedente. Os positivos por PCR son 172, catro mais.

A nota negativa da xornada é o incremento da presión asistencial, xa que Galicia supera os 200 ingresados, en concreto 202 persoas pasan a infección en hospitais. Son dez pacientes máis que a xornada anterior. En cama convencional son 158 os hospitalizados, cun aumento de nove, e 44 nas UCI, un máis.

Situación por áreas sanitarias

As infeccións activas baixan en todas as áreas sanitarias agás en Pontevedra, onde hai sete persoas máis co virus, e en Vigo, con unha máis. Vigo ten a peor evolución, con 14 pacientes ingresados nas UCI, aínda que A Coruña supera os hospitalizados en planta, con 51 persoas.

A Coruña: 686

Vigo: 857

Pontevedra: 488

Santiago: 400

Ourense: 253

Lugo: 221

Ferrol: 82