CRTVG

Buscar

Galicia non rexistra falecidos por covid−19 e os casos activos están por baixo dos 4.000

Publicado o 12/09/2021 20:11

• As persoas co virus da covid−19 son 3.754, (-287)

• Remata a semana con menos infeccións, contaxios e hospitalizados

A curva epidemiolóxica da quinta vaga do coronavirus en Galicia segue a súa tendencia descendente. Con datos das 18 horas do sábado as infeccións sitúanse por baixo das 4.000 e son 3.754 as persoas co virus. Redúcese así a cifra en 287 respecto á xornada previa.

Tamén baixan os contaxios e son 146 os novos positivos diagnosticados en 24 horas, que supoñen 23 menos.

A presión asistencial mantén unha certa estabilidade nas cifras, aínda que hai unha lixeira suba. Son 149 as persoas ingresadas nos hospitais, tres máis que o día anterior. En planta hai 109 pacientes en cuartos illados, seis máis, pero as cifras positivas son que hai tres enfermos menos que precisan terapia intensiva nas UCI e quedan 40 nestas unidades. O total de persoas ingresadas é de 48 menos que hai sete días, con menos pacientes nas UCI.

Os casos activos, contaxios e hospitalizados descenden de xeito notable na última semana.

O Sergas informou que non rexistrou falecidos este domingo. O sábado notificou dous falecementos nos hospitais galegos. Así, a cifra de persoas mortas durante a pandemia segue a ser de 2.604.

Situación por áreas sanitarias

Caen as infeccións activas en todas as xerencias hospitalarias. A da Coruña é a única que mantén mais dun milleiro de casos activos, e a certa distancia sitúase a de Lugo, que destaca pola súa melloría nas últimas 24 horas. E só nos hospitais da de Vigo hai máis dunha decena de pacientes nas UCI, (12).

A Coruña: 1.005

Ferrol: 168

Lugo: 727

Ourense: 391

Pontevedra: 248

Santiago: 640

Vigo: 575