CRTVG

Buscar

Baixan de 1.000 os contaxios nas escolas e reabre o centro que pechara en Santiago

Publicado o 02/12/2020 16:53
Baixan de 1.000 os contaxios nas escolas e reabre o centro que pechara en Santiago

A cifra de contaxios activos en escolas infantís e centros de educación non universitaria de Galicia baixou da barreira dos 1.000 ata situarse nos 998, trece menos que o martes.

Tamén descendeu o número de aulas pechadas, 50, unha menos que no anterior reconto do Servizo Galego de Saúde, que na súa última actualización xa non inclúe unha das catro escolas infantís que permanecían pechadas, a Xirandola, de Santiago de Compostela.

Si figuran e seguen pechadas as escolas infantís de Barcala, en Cambre, Cáritas Tui-Vigo, na cidade olívica, e Chiquis, en Pontevedra.

Por áreas sanitarias, é a de Vigo a que segue con máis contaxios activos en escolas infantís e centros de educación non universitaria, con 268, tres menos, e sete aulas pechadas, dúas máis.

Con todo, hai máis aulas pechadas na área da Coruña, con 14, unha menos, e 218 contaxios activos; así como Pontevedra, cun total de oito, dous menos, e 148 casos activos; e Lugo, con nove aulas pechadas, dúas máis, e 129 contaxios.

Santiago ten seis aulas pechadas, dúas máis, e 111 contaxios; Ferrol, catro aulas pechadas, cinco menos, e 82 contaxios; e Ourense, as mesmas dúas aulas pechadas e 42 contaxios.