Baixan as denuncias por violencia machista, pero soben as peticións de axuda
As medidas de atención ás vítimas de violencia machista durante a primeira metade do ano estiveron condicionadas pola crise do coronavirus.
Segundo o balance que presentou a Xunta, no primeiro trimestre reducíronse as denuncias un 20% e as medidas de protección diminuíron un 30% de xaneiro a xuño.
Pola contra, aumentou a petición de axuda por vías telemáticas, as chamadas telefónicas incrementáronse un 35%. Tamén houbo máis axudas para as vítimas. Accederon a elas arredor de 500 mulleres, o que supón case un 30% máis que no mesmo período do ano pasado.
Son datos que facitou Belén Liste, subdirectora xeral para o tratamento de xénero: "Reducíronse as denuncias e seguro que no segundo semestre volverán aos niveis anteriores. As ordes de protección tamén baixaron. É normal, se baixa unha cousa, baixa a outra", dixo.
Liste asegura tamén que aumentaron as consultas telefónicas e nos centros de axuda: "Moitas mulleres visibilizaron a súa situación de vítimas de violencia de xénero aínda que non fose pola vía xudicial".