CRTVG

Buscar

Baixa participación nos cribados masivos a persoas de entre 16 e 35 anos no Salnés

Publicado o 17/07/2021 20:49

Para frear os contaxios seguen a ser fundamentais os cribados masivos para atopar posibles asintomáticos, sobre todo, entre a poboación que está aínda sen vacinar.
Este sábado no recinto de Fexdega, en Vilagarcía, realizaron un deses cribados. Estaban convocadas unhas 1.200 persoas de entre 16 e 35 anos. Á espera dos datos definitivos, na metade da xornada a participación era moi baixa.
"Eu creo que se están confiando de máis, que como os maiores están vacinados, estase máis protexidos, pero en realidade somos nós os que nos estamos contaxiando"
"A seguridade é o primeiro, a PCR é gratis, así que non custa nada vir aquí e facelo"

Son veciños de Vilagarcía, Vilanova, A Illa e Cambados. Os que si acudiron amosábanse sorprendidos da escasa participación.
"Hai xente maior na casa, que todos temos avós, todos temos pais, que non deberían estar pasando por isto"
"Poñer en risco a túa familia, as túas amizades é razón suficiente para estar concienciado e para vir aquí, pero vexo que non é suficiente para todo o mundo"

Na xornada de onte a participación no cribado foi moi baixa, dos 1.200 convocados acudiron tan só uns 452. Dos que houbo 10 positivos.
Haberá novos cribados no Salnés o martes e mércores da semana próxima. Os que entran dentro do grupo de idade de 16 a 35 anos poden pedir cita previa para participar nel na páxina web do Sergas: coronavirus.sergas.gal/cribado

Noticias web

17/07/2021