Baixa o nivel do ferro na auga da traída en Guitiriz, pero o Concello mantén a recomendación de non consumila

O nivel de ferro na a auga da traída na localidade lucense de Guitiriz baixou nos últimos días, pero o Concello mantén a recomendación de non consumila ata as análises previstas para a próxima semana, segundo fontes municipais. Sinalaron que esta semana o técnico de Medio Ambiente do Concello realizou analíticas nas que constatou a redución dos niveis de ferro.
As mesmas fontes apuntaron que a baixada foi gradual nos últimos días e, en lugar de realizar o laboratorio contratado as analíticas previstas para este xoves, realizaranse previsiblemente o vindeiro martes.
O Concello mantén a recomendación de non consumir a auga da traída, que se mantén desde o venres pasado cando informou de que na última analítica da auga recibida polo laboratorio contratado "detectouse un alto nivel de ferro polo que o goberno local recomenda aos veciños non consumir a auga da traída ata que a situación se solvente".
"Debido aos recorrentes problemas que sofre a auga en Guitiriz, o Concello realiza un control exhaustivo da auga para coñecer periodicamente o seu estado", explicaron a semana pasada fontes municipais. O resto de parámetros "son totalmente correctos", subliñou o Concello, polo que "a auga está cualificada como potable", pero advertiu de que "unha continua inxesta de ferro pode chegar a provocar problemas de saúde, por iso é polo que se desaconselle o consumo ata que os niveis de ferro volvan á normalidade".