Baixan os roubos en coches aparcados na contorna do hospital de Lugo
Nos últimos meses descendeu o número de denuncias por roubos e por furtos nos coches na capital luguesa. De feito, a probabilidade de sufrir unha subtracción nun vehículo é un 63 % inferior á media estatal, só por detrás de Santander. Onde máis se concentran os asaltos en Lugo é na contorna do HULA, onde os ladróns aproveitan o maior volume de turismos estacionados para roubar no seu interior.
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "A gran maioría destes roubos prodúcense porque deixamos bolsos, abrigos e outros elementos á vista que poden funcionar como un reclamo para os ladróns. Ás veces, tamén nos despistamos e deixamos o coche aberto ou unha xanela baixada, o que pode provocar un furto. Por iso debemos cerciorarnos, cando deixemos o vehículos estacionado, de que perfectamente pechado".
Co fin de que o número de roubos nos coches siga baixando, as patrullas policiais incrementaron a vixilancia na zona, onde tamén perseguen a actividade dos arrombacoches. E no caso de que a un condutor lle desvalixen o seu vehículo, dende a comisaría luguesa recomendan chamar de inmediato ao 091 e presentar a correspondente denuncia.
Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo: "É conveniente sempre denunciar. Chamar á comisaría, posto que acudirá unha patrulla a ver o lugar e a partir de aí dará as recomendacións pertinentes. Por que? Porque nalgún caso poderase mover o vehículo e noutros ao mellor non é conveniente movelo porque se pode facer unha inspección ocular no lugar".
Segundo as aseguradoras, menos da metade dos vehículos lucenses teñen cobertura por roubo.