CRTVG

Buscar

Notifican catro mortes por covid en Galicia, nun día con menos casos activos

Publicado o 29/08/2021 22:37

• As infeccións por coronavirus son 8.607 (-346) | Nas UCI seguen ingresados 55 pacientes, os mesmos que 24 horas antes | Os falecidos durante a pandemia son 2.564

Os indicadores da incidencia da covid en Galicia seguen a amosar datos que sinalan que se están a superar os peores momentos da quinta vaga do virus. Os casos activos manteñen o seu descenso e son 8.607, con 346 persoas menos coa enfermidade.

Os positivos diarios diagnosticados en todas as probas baixan un pouco o ritmo de descenso e, con datos das 18 horas do sábado, son 392 contaxios, que supoñen 60 menos ca a xornada anterior.

A presión asistencial tamén diminúe, pero a baixada dáse en enfermos ingresados en planta. Hai 245 persoas que precisan atención hospitalaria, que son catro menos ca 24 horas antes. A diminución é de pacientes en cama convencional, que son 190 (-4), mentres seguen nas UCI 55 persoas en terapia intensiva, as mesmas que o venres.

O Sergas notificou este domingo o falecemento nos hospitais de catro persoas diagnosticadas con covid. A cifra de persoas mortas durante a pandemia en Galicia elévase así a 2.564. Os últimos decesos foron o dun home o día 27 de 96 anos en Vigo, o día 28 o doutro home de 72 en Ourense e o dunha muller de 89 tamén en Ourense e este domingo o deceso dunha muller de 90 anos en Pontevedra que procedía da residencia Soremay.

Situación por áreas sanitarias

As infeccións activas só soben nas demarcacións de Lugo e Santiago e diminúen no resto. Nas unidades de críticos a situación peor está na Coruña, que segue con 16 pacientes nas UCI, e ingresa unha persoa máis en Vigo, co que son 12 os enfermos en terapia intensiva, e hai un menos en Ourense, con 8 en agudos. Os contaxios diarios aumentan en Vigo, (+32) e lixeiramente en Ferrol con dous máis.

A Coruña: 2.271

Ferrol: 610

Lugo: 1.462

Ourense: 686

Pontevedra: 634

Santiago: 1.330

Vigo: 1.614