CRTVG

Buscar

Baixa a idade media dos ingresos na UCI pola covid

Publicado o 05/05/2021 14:15

Unha das consecuencias da vacinación foi o progresivo descenso na idade media dos hospitalizados, que tamén son xa, moitos menos. Con todo a situación, sobre todo dos que chegan a precisar coidados intensivos, segue sendo preocupante.

Seis quilos de peso en once días. O paso pola unidade de reanimación do hospital ourensán deixou baldado a Agustín. Con 54 anos e unha vida sá, a virulencia da covid colleuno por sorpresa.

José Agustín Fondado estivo 11 días na UCI:  "De repente, un venres pola noite sentín que perdía o gusto e o olfacto; o día seguinte, febre, e despois unha insuficiencia respiratoria que me obrigou a ir a urxencias".

Non precisou sedación, así que foi testemuña directa da situación que había ao seu redor.

José Agustín Fondado estivo 11 días na UCI: "Cando chegas alí e ves a xente ao teu redor, xente sedada, que o está pasando fatal, e pensas que vas acabar igual. Hai xente que o pasa na casa, pero cando se complica, é moi duro".

Agora xa está en planta, recuperándose pouco a pouco. Coma no seu caso, a media de idade de ingresos pola covid baixou con respecto a ondas previas, pola vacinación, pero os especialistas advirten de que os episodios adoitan ser máis bruscos.

Javier Cid, xefe de servizo de coidados intensivos do CHUO: "A sintomatoloxía é semellante ás outras ondas, pero o intervalo entre a aparición de síntomas e o ingreso en coidados intensivos é moito máis curto".

Advirten tamén de que a maioría dos contaxios seguen tendo orixe nas reunións familiares.