Baixa a cota de neve na provincia de Ourense e os concellos orientais están en aviso amarelo
Avisaban as previsións de que a neve chegaría a Ourense, e así foi. Xa de madrugada, as quitaneves traballaban arreo para manter limpas as estradas, especialmente a autovía das Rías Baixas. Non foron nevaradas intensas pero si o suficiente para que hoxe boa parte do oriente da provincia amencera deste xeito.
Din que, malia non ser algo extraordinario, esta nevarada primaveral chega algo a destempo. Aínda así, din, sempre é benvida.
Boa parte dos concellos do oriente da provincia están en aviso amarelo ata o vindeiro domingo por nevaradas que poderían acumular ata cinco centímetros de espesor. Con todo, polo de agora non hai problemas nas estradas da rede principal, malia que convén extremar a precaución nas secundarias. Tamén na A-52 entre Ourense e Zamora e na 541 no límite con Pontevedra, onde esta mañá tamén nevaba con forza.
Na estación de montaña de Manzaneda puxeron en marcha os sistemas de innivación, aínda que a neve caída polo de agora non permite a súa apertura para a práctica do esquí.