Baixa a cifra de persoas ingresadas en planta (-24), pero sobe nas UCI (+11)
• Os casos activos volven subir e chegan os 22.522 (+102)

O mes de febreiro comeza con malas cifras, tras un xaneiro con récord de contaxios, casos e hospitalizacións. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 22.522 persoas infectadas de covid−19 en Galicia (+102), logo de detectárense 1.001 novas infeccións, 791 a través dunha PCR.
Por áreas sanitarias, a repartición é a seguinte:
• A Coruña: 5.883 (-51)
• Vigo: 3.861 (+63)
• Santiago: 3.442 (+24)
• Ourense: 2.874 (-9)
• Pontevedra: 2.503 (+34)
• Lugo: 2.135 (+5)
• Ferrol: 1.824 (+36)
Baixan os ingresados en planta, soben nas UCI
O número de ingresados mantense elevado, malia que o balance desta xornada é de 13 persoas hospitalizadas menos. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 1.439 persoas hospitalizadas: 1.186 en planta (-24) e 253 nas UCI (+11). Se botamos a vista atrás, achamos que hai un mes había 297 en planta e 57 nas UCI.
Esta presión hospitalaria está obrigando a adoptar medidas para combatela, como a ampliación de espazo de pacientes con covid−19 no CHUS ou o traslado de pacientes a outros centros con menor saturación.
A cifra de falecidos segue en aumento tamén. Onte o Sergas notificou 40 mortes dende o venres, e con iso son 1.815 vítimas da covid−19 no país. En xaneiro finaron 397 persoas.
A positividade, no 7 %
Os cribados masivos manteñen a positividade máis baixa ca as últimas semanas. Das 11.080 probas PCR realizadas (-1.768), deron positivo 791 persoas, e queda unha positividade destas probas do 7,14 %.
O Sergas vai ampliar os cribados na área de Vigo a máis de 32.000 persoas por causa da baixa participación.