Ayuso gaña con claridade as eleccións en Madrid segundo a enquisa de GAD3
• O PP podería gobernar coa abstención de Vox
• O PSOE cae malia ser a primeira forza da esquerda, mentres crece Más Madrid e Podemos | Cs quedaría fóra da Asemblea

O Partido Popular gañou con claridade as eleccións autonómicas en Madrid, segundo a enquisa de GAD 3 para a TVG. En concreto, a candidatura de Díaz Ayuso obtería entre 62 e 65 escanos. A maioría absoluta está nos 69.
Dobraría os resultados en porcentaxe e escanos. E podería ata gobernar en solitario, sempre que a súa candidatura obteña máis escanos que a suma dos tres partidos de esquerda, algo que non queda descartado na enquisa.
A seguinte forza é o PSOE, que cae dos 37 ata os 25-28. A candidatura de Gabilondo perdería 9 puntos, que irían non só aos outros partidos da esquerda, senón tamén á candidatura de Ayuso. A seguinte forza sería Más Madrid, que subiría dos 20 actuais aos 21 e 24, pero non sorpassa o PSOE. Vox subiría pouco: dos 12 actuais aos 12-14 que lle outorga a enquisa. A continuación estaría Unidas Podemos. Pasaría de 7 escanos actuais aos 10 ou 11 que lle prognostica a enquisa.
E Ciudadanos desaparecería ao non obter o 5% dos sufraxios.