CRTVG

Buscar

Ayuso di que Casado pensa coma ela sobre os indultos e o rei: "É unha humillación"

Publicado o 15/06/2021 11:55

A presidenta da Comunidade de Madrid en funcións, Isabel Díaz Ayuso, considerou "unha vergoña" que o rei teña que asinar os indultos aos presos do procés. Ademais, asegurou que o presidente do PP pensa o mesmo ca ela: que o Goberno e os independentistas "celebran poñerlle unha trampa" a Filipe VI.

En declaracións á prensa antes de asistir a un almorzo informativo, ao que tamén acudiu Pablo Casado, Díaz Ayuso lamentou que Filipe VI deba asinar eses indultos, sendo "precisamente a persoa que simboliza a unidade e a igualdade de todos os españois; a persoa que liderou e que lanzou luz e verdade o 3 de outubro".

Nesa data de 2017, o rei pronunciou un discurso no que afirmou que ante a situación "de extrema gravidade" que vive Cataluña, os "lexítimos poderes do Estado" deben asegurar "a orde constitucional", a vixencia do Estado de dereito e o autogoberno de Cataluña, baseado na Constitución e no seu estatuto de autonomía.

Este martes, a presidenta en funcións negou que rectificara as palabras pronunciadas o pasado domingo e insistiu en que Pablo Casado pensa "o mesmo" ca ela, "que é unha humillación e unha vergoña que o Goberno de España e os independentistas, que levaron a Cataluña a unha situación de conflito civil", estean agora "ríndose de todos os españois".

"Celebran poñerlle ao rei unha trampa porque se asina, non asina, faga o que faga, está en cuestión. Por iso dixen que lle queren facer cómplice; por suposto, non é cómplice", subliñou tras engadir que utilizará "todas as palabras que fagan falta para defender a figura do rei".

Ayuso reiterou que "é unha vergoña que o rei de todos españois, o inimigo que hai que bater polos independentistas e os que queren promover en España unha soñada república, teña que asinar semellante documento", e insistiu en que este luns non fixo "ningunha rectificación" e segue "pensando o mesmo".

Matización das súas verbas

O pasado domingo preguntouse se o Goberno "vai facer cómplice ao rei" da súa acción "ilegal" de  indultar os presos do procés. Ao día seguinte, matizou que Filipe VI "non é cómplice de nada" respecto aos indultos, pois "toda a culpa recae no presidente do Goberno, que está a deteriorar gravemente as institucións do Estado no seu propio beneficio e a imaxe internacional de España".

"A responsabilidade e a humillación permanente á que son sometidas as institucións teñen un responsable que é Pedro Sánchez", sentenciou Díaz Ayuso.

Noticias web

15/06/2021