CRTVG

Buscar

Ayuso rectifica sobre os indultos e di agora que "o rei non é cómplice de nada"

Publicado o 14/06/2021 20:52

A presidenta madrileña en funcións Isabel Díaz Ayuso respondeu ás críticas polas súas declaracións de onte subliñando que Felipe VI "non é cómplice de nada" nos indultos aos condenados polo procés e que por iso lle doe "o compromiso o que o van a someter". Desta maneira respondeu en declaracións aos medios na Asemblea de Madrid á controversia ao redor das palabras que pronunciou pouco antes da concentración do domingo en Madrid contra os indultos, cando se preguntou: "Que vai facer o rei de España a partir de agora? Vai asinar eses indultos? Vano facer cómplice disto?".

As afirmacións supuxéronlle críticas por parte de todo o arco parlamentario —de Vox á esquerda—, e este luns matizounas o PP e tamén o seu presidente Pablo Casado, que, sen referirse de forma expresa a Ayuso, defendeu que o único responsable dos indultos é o Goberno e que "non hai máis cómplices".

"A miña preocupación é que esta decisión vai chegar á mesa do xefe do Estado", dixo Ayuso, á que lle "doe o compromiso ao que van someter" o rei. "Toda a culpa recae no presidente do Goberno, que está a deteriorar gravemente as institucións do Estado no seu propio beneficio e a imaxe internacional de España", respondeu.

Noticias web

14/06/2021