Ayuso arrasa e poderá gobernar soa coa abstención de Vox
Vitoria contundente e sen paliativos de Isabel Díaz Ayuso, que suma máis escanos ca todo o bloque de esquerdas, 65 fronte a 58, máis do dobre dos que tiña.
Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid en funcións: "Boas noites a España e a todos os recunchos do mundo que nos miran con ilusión porque a liberdade triunfou novamente en Madrid".
Ayuso aspiraba a gobernar soa. Quedou a catro escanos da maioría absoluta e precisará do apoio de Vox, que bastará con que se absteña, para presidir a comunidade ata 2023. Tras reforzar o seu liderado, Díaz Ayuso fala dun tempo novo na política española con mensaxe directa ao presidente Sánchez, o seu rival na campaña.
Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid en funcións: "España é outra cousa, empeza en Madrid. Madrid é España porque aquí vén o mellor de cada recuncho do mundo a vivir en liberdade. Triunfou a liberdade. España empeza en Madrid, señor Sánchez. Esa forma de gobernar con opulencia e hipocrisía ten os días contados. Xa está ben!".
Segunda vitoria electoral do PP da era Casado, que tras o fracaso nas catalás e dúas derrotas nas xerais colle aire e confía en afianzarse como alternativa á esquerda. Para o presidente popular, esta vitoria pódese interpretar como unha moción de censura ao sanchismo.
Pablo Casado, presidente do PP: "Isto é un punto de inflexión".
Entre as felicitacións a Díaz Ayuso, a do presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijóo aseguraba en Twitter que os madrileños votaron en masa pola liberdade e sobre todo pola estabilidade do seu goberno. E engadía: "En hora boa, Isabel Díaz Ayuso. Como todos, nestes meses sufriu, pero afrontouno —escribiu Feijóo— con fortaleza e por iso gaña ao grande".